Mostrando entradas con la etiqueta Acontecementos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Acontecementos. Mostrar todas las entradas

martes, 9 de septiembre de 2008

A cea dos candís... algo máxico

Bueno, en primeiro lugar tedes que perdoarme polo retraso, posto que da cea xa hai uns cantos días, pero bueno, estes días non sei como me apaño pero casi non teño tempo para nada, de calquera xeito, máis vale tarde ca nunca.
Todo comezou á noitiña, en canto o sol comezou a ocultarse, pouco a pouco os participantes comezamos a achegarnos ó recinto dos Pendellos, ata xuntarnos alí máis de 50 persoas. Inauguraron a cea a Charanga Infantil e o grupo Bico da Balouta cunhas pezas musicais, pero semellaba que había máis ganas de cear que de escoitar música, porque de seguido empezamos a comer. Familias enteiras xuntas arredor dos mostradores dos Pendellos, unidos pola amizade baixo as luces dos candís e velas que lle daban ó ambiente un toque de romanticismo especial.
Tras comer, empezaron as actuacións, volveron tocar a charanga e Bico da Baluota e despois deixáronse os micrófonos abertos a todo aquel que quixo contar un chiste, cantar unha canción ou simplemente decir unhas palabras, ademais, neses últimos intres da velada, animáronse moitos dos rapaces da charanga a cantar, facendo que moitos sorrisos afloraran polos beizos dos máis maiores. Sen dúbida unha noite irrepetible, foi algo especial.
As fotos póñoas despois

martes, 26 de agosto de 2008

Contamos convosco?

Como dixen na entrada anterior, vou falar acerca da cea dos candís, unha das festas máis fermosas e interesantes que se celebran aquí en Agolada.
A mencionada festa celébrase dende hai pouco tempo, de feito, este é o cuarto ano, e inialmente estaba dentro da programación dos " Encontros nos Pendellos" pero debido ó seu gran éxito, celébrase por separado dende hai pouco despois.
Pero bueno, non vou tratar sobre a historia desta celebración, aínda que me gustaría engadir que está organiza e dirixida pola Asociación Amigos dos Pendellos.
Pois ben, os festexos consisten en que á noitiña, reunímonos todos no recinto dos Pendellos e apáganse as luces de xeito que todo queda iluminado polos candís e as candeas creándose un ambiente precioso que se aprobeita para cear.
Durante a cea, tamén haberá actuacións musicais dunha charanga e un grupo de música tradicional (Bico da Balouta).
Xeralmente a comida corre por conta dos habitantes da vila, de feito, cada familia trae o seu propio alimento, pero bueno, se vos animades non vos teríades que preocupar por nada, xa que a organización non tería problema en invitarvos, simplemente avisádeme, aínda que sexa unhas horas antes, da igual se é por comentario ou por e-mail (dautrera49{arroba}gmail.com), ou incluso, aínda que non avisedes, simplemente localizádeme e punto.
Ademais, se vos animades uns cantos blogueiros, podemos facer entre nós unha especie de quedada, xa que tan só en Agolada somos catro (Dany, Manolo, Ánxel e eu), así que tentade vir, asegúrovos que nos divertiremos e pasaremos unnha noite inesquecible.

Volver...

Buff, que pereza voltar a escribir, semella que o síndrome postvacacional afecta tamén á actividade blogueira, pero bueno, iban sendo horas de que voltase ó teclado un mes despois de deixalo, aínda que fora parcialmente, xa vin que a maioría de vós seguistes a visitarme en Tertulias para Perogrullos, polo que vos estou moi agradecido.
Pois isto era todo, só quería comentarvos que d´Agolada volve estar de novo aberto, aínda que supoño que publicarei menos, que o novo blogo me rouba moito tempo.
Só unha cousiña máis, en breve publicarei outra entrada falando da cea dos candís, unha das festas máis bonitas que se celebra aquí, en Agolada, e na que me gustaría participarades, así que xa sabedes, se este sábado (día 30) non tedes plan, vide por Agolada e disfrutaredes dunha noite moi especial, ademais de coñecerme a mín e ó resto dos blogueiros agolenses. Por se vos animades e non podedes esperar á entrada ou simplemente queredes falar conmigo persoalmente, xa sabedes que non tedes máis que escribirme a esta dirección: dautrera49(arroba)gmail.com
Agárdovos.

domingo, 29 de junio de 2008

Chegou o San Pedro.

Pois si amigos, como todos os anos por estas datas, aquí en Agolada celebramos o San Pedro, a nosa festa, de feito, xa só quedan dous días (onte foi o primeiro).

Como xa dixen anteriormente, tampouco é cuestión quedar como un hipócrita, eu non son partidario deste tipo de actos, de feito non me gustan demasiado, aínda que si que teño que recoñecer que estas celebracións teñen un lugar asegurado na miña axenda, ben sexa porque é inevitable non participar nun acto que se leva a cabo diante da túa residencia ou por non perder o costume, que sei eu.... De calquera xeito, as festas deste ano son, directamente, un desastre (inicialmente puxen outra palabra), e iso que xa non tiñan o listón moi alto anteriormente. Ata tal punto chegou a, como chamarlle, tal vez, falta de previsión, que ata hai pouco non se sabía se ía haber a mencionada festa, os orzamentos son un desastre e o número de actos, actuacións... irrisorio.
Desta vez non sei se a culpa desta calamidade a ten o concello, os veciños que somos moi tacaños, a crise ou todo un pouco, en calquer caso, gustaríame agradercelle á comisión de festas o esforzo realizado, xa que, a pesares de todas as dificultades posibles, fixeron todo o posible, para que polo menos, teñamos festa, grazas.



lunes, 16 de junio de 2008

Reunións veciñais.

Un dos costumes máis extendidos e habituais nas pequenas vilas galegas, ou non tan galegas, son as reunións veciñais. Dende sempre, os habitantes das vilas, reuníronse para tentar solucionar os seus problemas e discutir entre todos o que sería mellor ou peor para o pobo, e aínda hoxe, nunha sociedade moderna e con case todas as tecnoloxías (falta o ADSL), non hai nada mellor que reunirse nun lugar e falar pacificamente de todos os asuntos que nos preocupan ou que cremos que é posible mellorar.
Pois todo isto ven de que o BNG de Agolada, convocou para ista noite unha xuntanza de veciños no Centro Social para tratar sobre un feixe de asuntos relacionados con Agolada; como a ESO, o polígono, os servizos sociais...

Como sabedes, se sodes lectores habituais desta bitácora, o Concello d´Agolada está tristemente gobernado polo Partido Popular, polo que a reunión desta noite, non pasa de ser un simple acto social de irmanamento entre os poucos veciños que probablemente acudirán a tentar atopar un futuro mellor para esta vila e a súa xente, algo cada día máis dificil. Como digo cada vez que falo destos temas, será esta unha mostra de que Agolada mellora? Ou un simple espellismo nun deserto de vilas esquecidas e desertas?
Agárdovos esta noite no Centro Social ás 21:30.

viernes, 13 de junio de 2008

Tedes plan para esta tarde?

Hoxe, calquera persoa que pase ou viva en Agolada, verá os carteis de "Payasolandia", o último espectáculo ambulante que tivemos a honra de recibir en Agolada. O mencionado espectáculo, chegou o martes e actuará hoxe no pavillón municipal.
A verdade é que estes mesmos feirantes, xa estiveran nesta vila tres ou catro anos atrás cun moderado éxito de público, pero polo que semella, si o suficiente para que se animasen a voltar de novo.
O espectáculo, pensado para o público infantil, contará con intervencións de persoaxes animados de actualidade e durará máis ou menos hora e media (ou iso di nos carteis).
Semella que este esta a ser un bo ano para Agolada, polo menos nestes asuntos, posto que xa van dúas destas actividades nuns tres meses, algo insólito nestes últimos anos, ogallá sexa un síntoma de que Agolada está a espertar culturalmente e no futuro desfrutemos de máis eventos desta clase.
Falta a foto.



miércoles, 4 de junio de 2008

Outra da xuntanza.

Desta vez, só vos vou mostrar imaxes deste fermoso acto, agardo que vos gusten, e se asististes, que vos evoquen agradables recordos deste fermoso sábado 31 de maio.

















sábado, 31 de mayo de 2008

Qué movida!!

Pois amigos blogueiros, por fin chegou o día da tan agardada Xuntanza, dunha vez por todas puidemos "poñernos cara" uns ós outros, coñecernos e charlar sen un monitor diante. Como estaba previsto, seguiuse o programa e a xornada foi todo un éxito.
As condicións climáticas acompañaron e creo que podo dicir que todos desfrutamos e nos divertimos mentres nos coñecíamos.
Resulta incrible coñecer en persoa a aquela xente coa que día tras día te comunicas, compartes opinións, sentimentos... a través da rede, non son describilo con palabras, é unha sensación única que recomendo vivir, penso que todos os blogueiros, deberían participar algunha vez nun acto destas características, estou seguro de que repetirían. Comprobar se o escritor de tal blog era tal como o imaxinabas, se non se parece en nada, falar con el e coñecer a outra xente que nin sequera sabías que tiña o seu espazo cibernético é realmente marabilloso.
A xornada comezou na praza do concello coa Charanga Chirinjota, logo trasladámonos ós Pendellos, onde todos os blogueiros expoñemos os nosos pensamentos e opinións relacionados co mundo dos blogs (nunca tanta vergoña pasei). Logo, fumos xantar ó restaurante e emprendemos a rota de sendeirismo polo sobreiral do arnego. Isto último, foi, para min, o máis agradable, xa que ademais da beleza do entorno, todos os blogueiros aprobeitamos para charlar animadamente e coñecernos mellor, persoalmente, creo que hai blogueiros e blogueiras do máis simpático, divertido e extrovertido que desterran o tópico de que os amantes dos blogs somos xente tímida e introvertida aínda que no meu caso si que se cumpra. Incluso se animaron a facer esta ruta dous pais co seu fillo pequeno, o Leíño, e un blogueiro con muletas, Prometeo, que tivo moitas dificultades para superar os obstáculos que ten unha ruta destas características pero que ó final, con forza de vontade e botándolle collóns foi quen de superar.

Despois desta rota, volvemos ó recinto de Os Pendellos, onde volveron a actuar a Zanfonista e o fixeron por primeira vez no día Maruxa de Fuxan os Ventos e o dúo de corda protagonizado por Almudena Vidal e Blanca Bello. Pechou a xornada o meu amigo Dany de asbeirasdoarnego cun só de clarinete.

Na primeira foto, aparece Blanca Bello nun momento da súa interpretación, na segunda, podedes ver a Dany de asbeirasdoarnego e a última é unha vista xeral de todos os participantes da Xuntanza no Sobreiral do Arnego.



miércoles, 21 de mayo de 2008

Vamos! Achégase a Xuntanza.


Por fin parece que se achega a agardada Xuntanza de blogueiros d´Agolada, máis concretamente, é o día 31 deste mesmo mes. Xa está todo organizado, e o programa é do máis interesante: (logo vos digo onde podedes velo todo máis detalladamente) actuacións musicais, xantar todos xuntos, rutas de sendeirismo... vamos, todo un "planazo".
Esta Xuntanza, pretende ser unha reunión entre blogueiros de todos os lugares, no que, nun entorno idílico, un ambiente magnífico e acompañados de boa música, nos coñezamos todos á vez que desfrutamos das actividades anteriormente descritas, falamos sobre as nosas bitácoras, sobre que opinamos da rede, por que nos metimos nesto dos blogs...
A mágoa, é que o número de apuntados é moi baixo, a todos nos gustaría que vos apuntarades máis blogueiros para que, esta festa, mereza realmente a pena, lembrade o dito popular:
Cantos máis sexamos, mellor o pasaremos.
Así que, se vos interesa, anotádevos canto antes que o prazo remata en dous días. Pinchade aquí para máis información.



domingo, 18 de mayo de 2008

Sempre en galego

Sinto escribir con un día de retraso, pero é que estiven moi ocupado. Onte, aquí en Galiza, celebramos o Día das Letras Galegas. Este ano, adicouse esta xornada a Xosé María Álvarez Blázquez, gran escritor e activista galego, fundador de dúas editoriais e periodista en Faro de Vigo.
O día das Letras Galegas é unha celebración instruída en 1963 pola Real Academia Galega para homenaxear a aquelas persoas que destacasen pola súa creación literaria en lingua galega, tendo en conta que se cupran dez anos dende o séu falecemento.
Para celebrar este día, houbo diversos actos en moitos lugares deste país, aínda que como sempre, en Agolada non se fixo nada (exceptuando no colexo, que segundo se comenta no blog asbeirasdoarnego, veu un mago facer unha actuación) o que dá idea da depresión cultural, demográfica e social que atravesa esta localidade, situación provocada en gran parte pola nefasta e irresponsable xestión da actual e últimas corporacións municipais.
A imaxe é das celebracións do Día das Letras Galegas en A Coruña no ano 2006 (Flickr).



jueves, 15 de mayo de 2008

III Festa da Xuventude de Val.

Este venres, é a terceira edición da Festa da Xuventude de Val, unha das máis importantes, ou iso semella, do plano festeiro desta zona. Dende hai uns días, en Agolada, a mencionada festa ocupa gran parte das conversacións da xente desta vila, fixádevos se está a crear espectación, que hai fretada toda unha flota de autobuses para trasladar á xente dende as súas localidades ata Val, o escenario da celebración.
A festa estará amenizada polas orquestras París de Noia e Olympus, e haberá polbo, churrasco e empanada.
Persoalmente, non me gustan demasiodo os actos deste estilo, de feito, considéros , carísimos e icluso innecesarios, pero o que é indiscutible, é que á maioría da xente lle apasionan, agardemos que non chova e que non teñamos que saír nos xornais por incidentes coma os do ano pasado. Se vos interesa divertirvos o venres, xa tedes plan.
A imaxe é de google imaxes.


martes, 15 de abril de 2008

A Xuntanza progresa

Noutras entradas, xa vos falei deste tema, é dicir da Xuntanza de blogueiros. Pasou xa tempo dende a outra vez, e dende entón, xa avanzou moito. Decidíuse a data e concretáronse parte do programa así como o restaurante e as posibles actuacións.
O pasado domingo celebramos unha reunión á que asistimos os que en principio imos ser os organizadores do evento, é dicir os blogueiros da zona. Proximamente publicarei algunha foto. Nesta reunión decidiuse que a Xuntanza se celebrará o vindeiro 31 de maio en Agolada. Como adianto do programa só podo dicirvos que o acto comezará ás once e media da mañá, que contaremos con actuacións musicais variadas e que se rematará cunha ruta de sendeirismo por un lugar aínda por decidir.
En adiante farase público o programa enteiro pero polo de agora só podo ofrecervos isto, agardo que vos cadre ben a data.
Para leer máis sobre este tema visitade: www.blog-xuntanza.blogspot.com

viernes, 4 de abril de 2008

d´Agolada únese á movida

Supoño que se tedes un blog ou vos gusta movervos por este fascinante mundo dos blogueiros estaredes informados da quedada ou xuntanza de blogueiros que se vai celebrar proximamente.
Esta iniciativa xurdiu por parte de Veca e da Markesa de Mertetuil, blogues que vos recomendo a todos. Elas pensaban en organizar unha cea onde se reunisen un grupiño de amantes dos blogs, pero cando un par de blogueiros de aquí, do meu pobo, se enteraron da iniciativa ofreceron o seu apoio tanto en temas de organización como de infraestructuras ,xa que se algo destaca na nosa vila é niso, en espazo para celebrar actos deste tipo, e a iniciativa prosperou ata o punto de que Agolada é o lugar escollido para a celebración deste acto debido á sua privilexiada situación xeógrafica e ó elevado número de blogs que teñen como orixe estas terras.
Aínda non se coñece a fecha da xuntanza, que depende da dipoñibilidade do grupo musical ´´Fuxan os Ventos´´ e do propio restaurante no que se xante o día da quedada e que tamén permanece sen ser escollido.
Como podedes ver, o tema da organización da quedada está "algo verde" pero xa temos en marcha un blogue no que podedes expresar as vosas opinións sobre que vos parece este evento, anotarvos para participar nel ou simplemente escribir sobre o que vos apeteza. Se queredes anotarvos a este evento ou pedir a autorización para escribir no mencionado blogue do que vos deixo abaixo o enlace escribide un comentario pedíndomo ou remitídevos á dirección de correo electrónico que vos deixo a continuación: dautrera49@gmail.com
A dirección do blogue da xuntanza é :

viernes, 28 de marzo de 2008

O circo Roma en Agolada

Dende hai uns días, os agolenses e calquera persoa que pase polo noso pobo pode ver os carteis que o Circo Roma puxo en case todas as farolas e baixos baleiros ( que non son poucos ) ou ben escoitar o coche con altavoces que pasa todos os días á hora da sesta anunciando as funcións que dito circo levará a cabo hoxe, mañá sábado e o domingo no campo da feira d´Agolada.
Non sei que tal estará a función, o que sí podo dicir é que é bastante grande, na súa carpa collen mil cincocentas persoas, e por fora parece relativamente moderno, pero xa xulgaredes por vós mesmos vendo as fotos.
O que si que parece é que non son moi serios en canto ó papeleo xa que segundo publicou ``La voz de Galicia´´, o martes, durante unha inspección, o Seprona detectou irregularidades na identificación de dezaoito animais de todos os tipos, en definitiva, que carecían dela. Pero isto non é tal vez o peor, xa que hoxe revisando os arquivos do mesmo periódico descobrín que estiveran a piques de ser expulsados de Lalín por pretender estacionarse e actuar no aparcamento do Haley sen permiso municipal, a autorización conseguírona media hora antes do comezo da función.
Pero aparte de todo esto, o máis deprimente sobre todo dende o punto de vista dun agolense é que viñeron aquí de ``rebote´´, xa que pensaban actuar en Vila de Cruces pero non atoparon un espazo onde montar a súa carpa e ó final decidiron quedarse en Agolada.
Aínda que a carta de presentación non é precisamente boa, haberá que ver se son bos sobre a pista ou se son tan trapalleiros como na vida real, así que eu anímovos a que veñades a velo.

Velaquí tedes a páxina de `` La voz de galicia´´ da que saquei toda a información por se queredes ampliala: