sábado, 29 de marzo de 2008

Vai de galescolas, comedores e centros sociais.

Outra vez máis volvo remitirme a datos sacados de "La voz de Galicia" para publicar esta entrada, pero nesta, a diferenza doutras, é para contarvos algo positivo que ocorreu ou mellor dito parece que vai ocorrer en Agolada e que me fixo pensar, só por un momento, que as cousas van mellorar.

Segundo publicou dito periódico onte, o concello d´Agolada puxo a disposición da Xunta as instalacións do centro da terceira idade co fin de que se constrúa alí un centro de día, petición que foi aceptada polo organismo encargado de tal fin con condicións iso sí que non vou citar, tampouco é cuestión de aburrir. Polo tanto, en canto Agolada cumpla esas condicións, a Xunta enviará técnicos que determinen as reformas precisas para a utilización como centro de día deste espazo que na actualidade permanece infrautilizado.
Ademais do anterior, o Concello vai solicitar a Educación a cesión dun comedor do colexo público que actualmente permanece en desuso para poder instalar alí unha galescola con capacidade para entre quince e vinte nenos.
Ademais o Concello anunciou que pensa poñer en funcionamento un comedor sobre rodas que permitirá achegar comida quente ás persoas que a precisen.
Moita actividade para un concello acostumado a non facer nada, penso eu, pero en fin, agardo que se leven a cabo as iniciativas anteriores especialmente a galescola, xa que é o que máis falla fai en Agolada. Estamos vendo a luz ó final do túnel ou só é un espellismo, sabereino e saberédelo dentro dun tempo.
Por se queredes leer máis sobre o tema déixovos aquí un enlace:

viernes, 28 de marzo de 2008

O circo Roma en Agolada

Dende hai uns días, os agolenses e calquera persoa que pase polo noso pobo pode ver os carteis que o Circo Roma puxo en case todas as farolas e baixos baleiros ( que non son poucos ) ou ben escoitar o coche con altavoces que pasa todos os días á hora da sesta anunciando as funcións que dito circo levará a cabo hoxe, mañá sábado e o domingo no campo da feira d´Agolada.
Non sei que tal estará a función, o que sí podo dicir é que é bastante grande, na súa carpa collen mil cincocentas persoas, e por fora parece relativamente moderno, pero xa xulgaredes por vós mesmos vendo as fotos.
O que si que parece é que non son moi serios en canto ó papeleo xa que segundo publicou ``La voz de Galicia´´, o martes, durante unha inspección, o Seprona detectou irregularidades na identificación de dezaoito animais de todos os tipos, en definitiva, que carecían dela. Pero isto non é tal vez o peor, xa que hoxe revisando os arquivos do mesmo periódico descobrín que estiveran a piques de ser expulsados de Lalín por pretender estacionarse e actuar no aparcamento do Haley sen permiso municipal, a autorización conseguírona media hora antes do comezo da función.
Pero aparte de todo esto, o máis deprimente sobre todo dende o punto de vista dun agolense é que viñeron aquí de ``rebote´´, xa que pensaban actuar en Vila de Cruces pero non atoparon un espazo onde montar a súa carpa e ó final decidiron quedarse en Agolada.
Aínda que a carta de presentación non é precisamente boa, haberá que ver se son bos sobre a pista ou se son tan trapalleiros como na vida real, así que eu anímovos a que veñades a velo.

Velaquí tedes a páxina de `` La voz de galicia´´ da que saquei toda a información por se queredes ampliala:

miércoles, 26 de marzo de 2008

Alédome de que vos guste d´Agolada e novas enquisas.

Hai xa uns días, rematou o prazo para votar na enquisa que publiquei cando empecei con esta bitácora, que por certo fará mañá tres meses de existencia neste universo dixital que é Internet, e francamente, os resultados foron moi agradables e positivos polo menos dende o meu punto de vista. Dita enquisa, que todos podedes visualizar na barra lateral e na que votastes 26 de vós durante os dous meses e medio que estivo aberta constaba dunha pregunta ( Gústache o meu blog? ) e tres opcións para responder das que tíñades que seleccionar unha delas ( non, está ben, sí ). Os resultados foron: "non" con cero votos, "está ben" con dous votos e un sete por cento e "ben" cun noventa e dous por cento dos votos, que pasou co un por cento é un misterio jeje...
Polo tanto só podo dicir que moitas grazas a todos por ser tan positivos co meu blog e volvo repetir que me aledan moito estes resultados.
Na barra lateral poderedes ver proximamente as novas enquisas que tratarán sobre o galego e a política.

lunes, 24 de marzo de 2008

Neve sobre Agolada

No día de onte, aquí en Agolada, levámonos unha agradable ou non tan agradable sorpresa( segundo gustos ) ó erguernos: sobre os tellados descansaba unha pequena capa de branca neve que caera durante a noite debido ó temporal que durante estos días está ``a mollar e a branquear´´ a nosa comunidade. O certo é que a nevada non foi gran cousa, simplemente cubriu os tellados das casas e os cristais dos coches pero foi o suficientemente notable para que os que quixemos saísemos a vela e lembrarnos que en Agolada tamén pode nevar.
A vila d´Agolada atópase a 581 metros de altitude polo que as nevadas non adoitan ser frecuentes e cada ano prodúcense menos debido ó efecto do cambio climático, ata o punto de que este ano aínda non viramos a neve e o noso monte máis próximo, o Farelo permaneceu todo o inverno verde, sen neve, algo que non hai tantos anos era case impensable.
Xa pasara tempo dende a última nevada notable que caeu nesta vila, en concreto, uns dous anos. Tamén resulta un pouco irónico que xusto fose nevar agora que comezou a primavera cando durante todo o inverno o tempo mantívose relativamente estable con temperaturas nin moi baixas nin moi elevadas.

As fotos son da nevada de hai dous anos e os seus efectos sobre os Pendellos e as rúas da vila.


jueves, 20 de marzo de 2008

Comezou a primavera

Como todos os anos, comezou a primavera, época de plantas en flor, época de aumentos das temperaturas con respecto ó inverno, época de alerxías para os desafortunados que as padecen, época de árbores verdes e cheos de follas tralo paso do inverno, época de...


En Agolada xa se comeza a notar a chegada da primavera, refírome no caso da natureza claro, e as árbores e prantas en flor son cada vez maís frecuentes a pesares das escasas precipitacións que este ano caeron na nosa vila. Tamén nesta época comeza a longa tempada de festas en Agolada, hoxe por exemplo temos festa en Brántega e aínda que non me sei o calendario enteiro, a partires de agora as festas sucederánse unhas ás outras cada vez con maior velocidade.

É curioso o efecto que a primavera provoca en todos nós, e non me refiro só ós aspectos físicos como os que xa mencionei, senón que en xeral fai que nos mellore o humor, que vexamos máis positivamente as cousas, en definitiva, que nos sintamos mellor con nós e co noso entorno ó contrario do que sucede no inverno no que o frío e os ceos nubrados nos fan máis complicado o día, polo menos no meu caso, aínda que supoño que haberá persoas que prefiran todo o contrario. De calquera xeito, eu penso que o mellor da primavera é que xa falta menos para o verán.

Por certo, as fotos son de Quián (Carmoega) no concello d´Agolada.








miércoles, 19 de marzo de 2008

A escola d´Agolada

A vila d´Agolada ten a honra de contar cun colexo público entre as súas infraestructuras. Nesta escola, estudan na actualidade uns 150 rapaces e rapazas pero non hai moitos anos, menos dos que seguramente pensaredes, había matriculados máis de 600 o que dá idea do forte despoboamento que sofre esta vila.
Na actualidade, no colexo impártense clases ós alumnos dende educación infantil ata o primeiro ciclo da ESO, ambos inclusive, e o colexo atópase nun excelente estado de conservación especialmente despois de que hai dous anos se lle engadise un pequeno tellado a base de materiais plásticos para evitar as goteiras que afectaban a unha pequena parte do edificio. Ademais, o ano pasado reformouse a biblioteca que agora está preciosa, teño que dicilo, e construíuse un pequeno parque infantil.
Esta escola ademais de contar cun profesorado excelente, moitos dos cales déronme clase a mín, ten tamén tres patios dun tamaño considerable, un ximnasio e acceso ó pavillón municipal aínda que este último non se usaba moito.

martes, 18 de marzo de 2008

A feira d´Agolada

Nesta, a vila d´Agolada se hai algo que foi importante, iso é a feira, a feira do doce. A importancia da feira foi tal que este pobo naceu grazas a ela. No lugar no que actualmente se atopa esta vila, no pasado só se celebraba a feira e co paso do tempo, casa a casa, foi constituíndose este pobo arredor dese recinto inicial, primeiro cos Pendellos e máis tarde cas primeiras casas.
Na actualidade a feira ``anda de capa caída´´, cada mes redúcense aínda maís o número de animais que se venden no recinto superior e o número de postos que se instalan polas rúas (estes redúcense en menor medida) ante a pasividade do noso concello.
Déixovos un vídeo que atopei en youtube, no que se ve como é a feira, o certo é que non é ningunha xoia pero para facerse unha idea é suficiente, agardo que vos guste.


lunes, 17 de marzo de 2008

Xa chegou a Semana Santa

Pois si
amig@s , xa voltou chegar a Semana Santa. Esa época de celebracións relixiosas que cada vez teñen menos sentido relixioso e que ano tras ano nos fai disfrutar duns días de festa e de vacacións. Época de procesións, de actos relixiosos, de...
Aquí en Agolada como todos os anos non se celebra nada que non teña que ver estrictamente coas misas, e para iso xa grazas porque o señor cura non é precisamente unha marabilla, é dicir, non se celebran procesións, nin nada polo estilo a diferencia do que ocorre en moitas localidades tanto españolas como galegas. Isto a min persoalmente non me afecta tanto coma outros temas, posto que son bastante selectivo coas cousas nas que participo, tal vez en exceso, e o de levar un santo ás costas e ir vestido de... ( non atopo ningún simil para comparar) por fe relixiosa non é precisamente o meu estilo, especialmente o segundo. Pero como agolense, sinto profundamente que non se leven a cabo este tipo de actos, xa que aínda que eu non me animase a participar directamente estou seguro de que a máis de un lle encantaría sumarse á festa e incluso cun pouco de sorte habíamos conseguir saír nalgunha televisión e co paso do tempo converter a nosa Semana Santa nun acto cultural interesante que atraese xente, polo menos, dos arredores. Si, soñar é posible, pero cos dirixentes políticos incapaces de ter algún tipo de iniciativa ou de levala a cabo se lla proporcionan que temos en Agolada esto será un sono, un sono polo menos ata que as cousas cambien, a pregunta é: Cambiarán?
Por certo as fotos son de Sevilla.

viernes, 14 de marzo de 2008

Boas novas, nova versión de d´Agolada

Por fin conseguín aclararme con Wordpress, e xa teño dispoñible a nova versión de d´Agolada que poderedes visitar pinchando no enlace que vos poño abaixo.
Por se non o sabedes, Wordpress é a ``compañía blogueira´´ con maior número de usuari@s do planeta concentrados sobre todo nos países de fala inglesa como Estados Unidos. Polo tanto, e para promover unha maior difusión da vila de Agolada ``polo mundo adiante´´ teño dispoñible esta nova versión que contará con todos os artigos e comentarios publicados en Blogger e que prometo actualizar sempre que poida, iso si, non poderei adicarlle tanto tempo como fago con esta. Wordpress permite ademais un sistema de clasificación de entradas diferente ó de Blogger e que pode resultar moi proveitoso para organizar mellor este caderno, agora só me queda averiguar como funciona.
Bueno e xa sen máis preámbulos deixovos o enlace da nova versión deste caderno, por favor visitádea pero non vos esquezades que esta segue e seguerá a ser a principal.

martes, 11 de marzo de 2008

Reformas nos Pendellos

Dende xa hai uns meses, unha das casas que forma parte do conxunto arquitectónico dos Pendellos está en obras, vamos que a están reformando. A casa "afortunada" non está situada dentro do núcleo principal dos Pendellos senón que se atopa a unha altura un pouco superior, situada á dereita do Concello. A mencionada reforma non vai moi adiantada xa que por agora só quitaron as pedras que formaban o antigo chan e tiraron algúns tabiques ( segundo me contaron ) pero bueno por algo se comeza.
Resulta moi esperanzador que por parte de particulares se leven a cabo iniciativas deste tipo que contribúen ó desenvolvemento e á recuperación da vila d´Agolada, sobre todo tendo en conta a actitude pasiva e inútil do Concello e da Deputación que a pesares da presión exercida pola Asociación Amigos dos Pendellos seguen sen facer nada para contribuír á recuperación desta vila.

A tod@s vós, mil e subindo...

Aínda non hai nin tres meses que comecei a publicar neste caderno e hoxe, mirando no contador descubrín que xa levaba máis de mil visitas! Esta cifra, que eu considero altísima resultábame impensable hai tan só uns meses, polo tanto, gustaríame dárvos as grazas a todos os que me visitastes, en especial, ós que escribistes un comentario ou asinastes no libro de visitas facéndovos así partícipes deste blog. Polo tanto quero adicarvos esta entrada a todos vós, xa que sen a vosa colaboración e participación probablemente xa me tería cansado deste caderno. Así que só podo dicir: moitas grazas.

lunes, 10 de marzo de 2008

Ista, ista, ista... España Socialista

Pois si, España volve a ser socialista por como mínimo catro anos máis.Hoxe coñecimos por fin o resultado das eleccións e como ben saberedes todos, o Partido Socialista voltou a acadar unha importante victoria no Congreso dos Deputados, mágoa que lle volvese quedar pendente o Senado.
Segundo os propios candidatos, todos gañaron, en certa medida fan ben posto que na vida hai que ser positivo, pero algúns dos resultados que presentan e a maneira de presentalos son tan ridículas que fan que todos esbocemos unha pequena ou non tan pequena sonrisa.
O concello d´Agolada está gobernado dende hai moitos anos polo Partido Popular e a súa xestión podería ser, como mínimo, calificada de ineficaz, desastrosa e totalmente negativa para nós, os habitantes, e para o propio concello en xeral.
Voltando agora a Madrid, só teño que dicir que agardo que se volvan coseguir os logros sociais e económicos desta lexislatura, e tamén espero que melloremos algo en educación e en relacións internacionais que voa falla fai.
Déixovos unhas imaxes de como afectou a campaña electoral á vila d´Agolada.

domingo, 9 de marzo de 2008

Por fin, nove de marzo, hoxe todos votamos

Hoxe por fin é nove de marzo. Nunhas horas saberemos quen será o noso presidente nos vindeiros catro anos, repetirá Zapatrero?, gañará Rajoy? a pesares de todos os sondeos ( excepto os do Partido Popular ) dan como gañador ó noso presidente, non coñeceremos ó gañador seguro ata varias horas despois de que se pechen os colexos electorais. A partir de hoxe e con independenza de quen gañe, todo voltará á normalidade, deixaremos de oír propostas cada cal máis desproporcionada, deixaremos de escoitar discursos ensaiados e políticamente correctos pero que non cren nin eles, deixaremos de ver imaxes de mítines nas grandes capitales, deixaremos de ver carteis e de escoitar ós coches promocionais pasando polas rúas... resumindo, todo seguirá como sempre.
Hoxe decidimos o futuro do noso país e tamén o de todos nós. De nós depende que Galiza, que Agolada mellore máis ou menos, e incluso poñéndonos no peor que non empeore.
Facendo valance da lexislatura que oxe remata, eu creo que podemos dicir que todo, ou casi todo mellorou, polo menos dende o meu punto de vista pero tamén é certo que temos moito que mellorar e moito que facer, é máis nunca remataremos esta labor.
Por culpa dunha estúpida lei que considera que os menores de idade somos idiotas eu aínda non podo votar, se ti podes faino, exerce o teu dereito, o dereito á liberdade e procura que todos melloremos. Faino por ti, por Galiza, por Agolada, polo lugar onde vivas, polos teus familiares, polos teus amigos, faino polo que queiras pero faino. VOTA

sábado, 8 de marzo de 2008

En campaña electoral

Este domingo celébranse por fin as eleccións. Nesta ocasión os efectos da campaña electoral chegaron tamén a vila d´Agolada. Primeiro empapelaron as portas e puxeron taboleiros con fotos dos candidatos, despois continuaron coas farolas e seguiron cos coches dos altavoces que se pasean cada pouco tempo lembrándonos que votemos a Zapatero ou a Rajoy ( o BNG desta vez está bastante caladiño) e xa para rematar, as cartas con publicidade que saturan os nosos buzóns e nos tolean a cabeza. Non sei o que pasará o domingo, pero pase o que pase deberíamos pensar nunha cousa, ou mellor dito en varias que se resumen nunha: é necesario tanto gasto en publicidade cada vez que se celebran eleccións ? É dicir, merece a pena desperdiciar millóns e millóns de euros en poñer carteis e carteis, en celebrar mítines multitudinarios... e iso por non meterme xa na presunta compra de votos que os partidos están a practicar en sudamérica... é que acaso o fin xustifica os medios.