miércoles, 30 de abril de 2008

Falando da ESO en Agolada

Hai pouco publiquei outra entrada falando sobre este tema; a eliminación da impartición da ESO (Educación Secundaria Obrigatoria) no colexo d´Agolada. Pois ben, a semana pasada celebráronse dúas reunións, unha entre o Concello e os pais dos alumnos afectados e outra entre o delegado de educación e os pais (a esta última asistiron tamén dous representantes do IES Laxeiro, dous membros da dirección do centro agolense, así como representación do Concello). Nestas reunións, non se fixo máis ca aclarar o evidente, é dicir, que non hai marcha atrás na decisión de deixar a esta vila sen ESO.
Aparte das reunións, o asunto saltou tamén ós xornais onde se podían leer declaracións do delegado de educación en actitudes case difamatorias contra o colexo d´Agolada dicindo que non tiña recursos, que non era o entorno adecuado, que non había material suficiente, que os profesores non tiñan a especialización necesaria... presuntos males, que sen dúbida están causados pola súa ineficacia e a do Concello que en ningún momento se preocuparon de adquirir máis material escolar, mellorar as infraestructuras, contratar profesorado máis especializado..., en definitiva, mirar un pouco por este colexo e os seus alumnos.
Aquí vos deixo, un correo escrito polo meu amigo Xosé Vázquez Pintor, un auténtico amante destas terras e dos seus habitantes e que sabe plasmar por escrito como ninguén como nos sentimos os agolenses ante este abuso de poder. Agardo que vos guste.

Meus:
leo arestora, que teño comigo a edición en papel d´O Faro de Vigo na comarca d´O Deza, o artigo merecente de 10 sobre 10 que asina Ángel e tamén a crónica sobre a carallada do psoe coas súas miudallas da miseria na que esta xentiña á deriva se mobiliza ao son que a metrópoli teña decidida. ¿onde carallo están os seus concelleiros d´Agolada nesta hora bravicha? E non digo os veciños da "urbe" e das pesebreiras parroquianas (coas esclusións escasas que sabemos). Lembro nesta hora 23:57 deste xoves cando fomos María, Magín e a súa filla Eva ¡sós os catro! á manifa de Rodeiro, hai anos, para erguer a pancarta e as voces e as maus polo non desmantelamento do Centros Médicos, en favor de Lalín, metrópole señora. Velaí onde estaba xa a febleza desta vila dos pendellos: inerte, apoucada, deixándose capar e mexar.
Suxiro que caviledes se a Asociación debe ou non mollar a sua voz nesta aldraxe. Somos colectivo que manca. Eu diría que a crónica de Ángel e a do seu fillo David no seu blog, oportunísimo e lúcido e valente, non anula a nosa solidariedade. Vós saberedes. De facelo, que sexa xa.
Apertas de buxo sempre dende Cangas.
Pintor

lunes, 28 de abril de 2008

Sé solidario, doa sangue.

O pasado xoves, veu por Agolada o autobús da Xunta de Galiza encargado de extraer e transportar o sangue dos doantes que decidiron acudir á cita coa solidaridade. Como en case todas as ocasións, instaláronse diante da praza do concello e alí estiveron parados todo o día (de 16:30 a 21:00 horas) recibindo doantes.
A afluencia de xente foi bastante numerosa, sobre todo, tendo en conta que este tipo de iniciativas non adoita ter moito éxito nesta vila, de feito, cando fun por alí quitar as fotos que vos mostro abaixo, dirixíanse varias persoas cara o mencionado autobús e saían outras dúas pola porta. Isto demostra que a xente por fin se está concienciando sobre a importacia dun proceso beneficioso para todos e que ademais non supón ningún custo para o doante.
Doa sangue, agora outros a necesitan, no futuro podes ser ti.

sábado, 26 de abril de 2008

Os meus primeiros premios



Onte e hoxe leveime unha das maiores alegrías dende que escribo neste blog, que por certo mañá está de aniversario, xa hai 4 meses dende que empecei, recibín o meu primeiro premio! (onte) e o segundo hoxe. A ledicia que sentín non son capaz de describila con palabras, só podo dicir que me fixo moitísima ilusión e que me aledo moito de que consideredes que este blog é digno de tal honor.
O primeiro dos premios (Premio Brillante Weblog) concedeumo o "Espacio de doña Manolita", un blog moi interesante e divertido que vos recomendo a todos: http://espaciodedonyamanolita.blogspot.com/

E o segundo (Premio que te pique un pollo) regaloumo " El blog de Fini", outro blog que tamén vos recomendo a todos e no que se fala sobre todo tipo de temas e que conta cunha presentación excepcional.

A recepción destos premios, implica unha serie de condicións que vos poño abaixo, e unha delas é que o receptor ten que concederllo a outra serie de blogs, e os gañadores son:
El blog de Fini: www.ficalmo.blogspot.com
Chimenea Verde: www.chimeneaverde.blogspot.com
Chousa da Alcandra: www.chousadaalcandra.blogspot.com
Relixión? non grazas, prefiro pensar: www.morrinha.blogaliza.org
Veca: www.deliriosuniversales.blogspot.com
Quero ser libre como as bolboretas: www.enmeigada.blogspot.com
O berce das Fasdas: www.bercedefadas.blogspot.com
El bosque del druida: www.druidceo.blogspot.com
Sailor girl: www.atlanticoazul.blogspot.com
El blog de Sibyla: www.elblogdesibyla.blogspot.com
Mi pueblo y yo: www.nestor-mipuebloyyo.blogspot.com
Navicularia: www.navicularia.blogspot.com
Querer es poder: www.ana-appg.blogspot.com
Hádex: www.adlucumagisti.blogspot.com
Interpreta- sones: www.interpreta-sones.blogspot.com
Cris: www.elsegundodecris.blogspot.com (Neste caso, concédolle o premio a todos os seus blogs, que non son poucos, xa que todos son estupendos)
Zanfonista: www.zanfonista.blogspot.com
Leoeosseus: http://www.leoeosseus.blogspot.com/
Cuspedepita: http://www.cuspedepita.blogspot.com/
La Markesa de Merteuil: http://www.markesamerteuil.blogspot.com/
Aopedofarelo: http://www.ospendellos.blogspot.com/
Asbeirasdoarnego: http://www.asbeirasdoarnego.blogspot.com/
Ith: http://www.terradebreogan.blogspot.com/
Pai do vento: http://www.paidovento.blogaliza.org/
Teseo y el miniotauro: http://www.teseoyelminotauro.blogspot.com/
A cova do raposo: http://www.poemasdacova.blogspot.com/
Espazo de suso lista: http://www.susolista.blogspot.com/
La vida a Cuestas: http://www.vermella-lavidaacuestas.blogspot.com/
Mencía: http://www.sanmartindobolo.blogspot.com/
Aquamlatam: http://www.aquamlatam.blogspot.com/
Pau: http://www.ascostasdepau.blogspot.com/
Las cosas de la abuela Cris: www.cosasabuelacris.blogspot.com
A propósito del blog: http://www.marian-en.blogspot.com/
Sen dúbida hai máis blogs que o merecen, pero tampouco quero pasarme, que coido que xa o fixen de máis, outra vez será...
Supoño que algún de vos xa terá o premio ou como no caso de Fini, só pode recibir un dos dous, pero iso non importa, o importante e que tedes uns blogs estupendos e moi interesantes.

Bases do premio (Premio brillante Weblog):
Ó recibir o premio, hai que escribir unha entrada mostrando o mesmo e hai que citar o nome do blog ou web que cho regala e enlazalo ó post dese blog ou web que te nomea gañador.
Elixir un mínimo se sete blogs (poden ser máis) que cres que brilan pola súa temática e / ou deseño. Escribir os nomes e os enlaces a eles e avisalos de que foron premiados co premio "Brillante Weblog" (deixarlles un comentario é unha boa opción).
Opcional. Exhibir o premio con orgullo no teu blog facendo enlace ó post que ti escribes sobre el.

miércoles, 23 de abril de 2008

Lampreas en Agolada

Xa é a segunda vez que leo no xornal a seguinte noticia, resulta, sen dúbida, sorprendente xa que biolóxicamente resulta imposible, ou moi difícil, que un grupo de lampreas poida sobrevivir nun encoro, sen comunicación co mar tendo en conta que a lamprea é unha especie que nace no río, emigra ó mar e volve a desovar ó lugar no que naceu antes de morrer, é dicir, ten un cliclo vital semellante ó do salmón que é máis coñecido.
Pois a noticia en cuestión é que se atoparon lampreas no encoro de Portodemouros (o Concello d´Agolada limita con él), un achazgo que como dixen antes, resulta inaudito para a comunidade científica xa que nunca se dera un caso deste estilo nun encoro (ata agora só se viran casos semellantes nos Grandes Lagos de América do Norte, onde estos animais son capaces de levar a cabo o seu ciclo vital sen emigrar ó mar).
O achazgo en cuestión foi feito por un pescador que descubriu mordeduras sospeitosas nunhas troitas que pescara e avisou a un experto no tema que se encargou de organizar a pertinaz investigación e dende entón xa se capturaron varios especímenes deste peixe.
O único que queda por confirmar, é se as lampreas levan vivindo no encoro dende a súa construcción, e polo tanto foron capaces de adaptar o seu ciclo de vida, ou simplemente, tratase dunha solta feita por alguna persoa ou grupo. No caso de que a primeira opción fose certa representaría un importante avance científico, agardemos que así sexa. Quen sabe, estaremos ante un cambio evolutivo dunha das poucas especies prehistóricas que aínda coexisten con nós?

domingo, 20 de abril de 2008

Chove sobre mollado

Aquí, en Agolada, ó igual que en case toda a península está chovendo, iso, aparentemente, non é nada raro, a ninguén lle chama a atención que nunha vila galega esté chovendo, de feito, nos medios de comunicación teñen a manía de seguir con este tópico absurdo e comentar sorprendidos que en Galiza non está chovendo cada vez que esto ocurre.
Neste momento, non caen máis ca unhas gotiñas, unha finiña capa de auga, nada que mereza a pena destacar, pero esta chuvia deposítase sobre mollado, leva chovendo sen descanso dende o xoves, cada día máis, de feito, ata hai moi pouco estaba chovendo con moita intensidade.
Este outono, inverno e primavera non choveu case nada, os encoros están baixo mínimos e iso que a situación xa mellorou, os cultivos están ameazados e non van ser moi abundantes, sufrimos o efecto dos incendios incluso en febreiro, tivemos que aturar as mortes de peixes nos ríos e encoros en decembro (o encoro no que sucedeu este está xestionado por Villar Mir, tampouco e cuestión de botarlle toda a culpa á falta de auga)... resumindo, a situación estase poñendo moi complicada e con risco de empeorar ata límites nunca vistos se no verán non cambia esta situación.
Agardemos que este ano fose unha excepción e que volvamos recuperar a nosa chuvia, a nosa cor verde e natural... en definitiva, que a imaxe da xente paseando con chuvasqueiros e paraugas polas rúas non se convirta nun espectáculo, senon que sexa algo habitual.
A primeira foto é do blogue: aopedofarelo e a segunda de Flickr.

viernes, 18 de abril de 2008

Agolada asina a súa sentenza de morte

Un día desta semana, non lembro exactamente cal, recibín unha noticia que me amolou moito, nese momento morreron en mín as poucas esperanzas que tiña dunha posible recuperación que podía ter Agolada en canto a ámbito demográfico e económico.
A noticia en cuestión é: que por orde do organismo encargado de tal fin, que nin merece a pena citar, elimínanse os dous cursos da ESO (Educación Secundaria Obrigatoria) do noso colexo trasladándose a Lalín. Estos cursos pertencentes ó primeiro ciclo da ESO, levábanse impartindo en Agolada dende tempos inmemoriais e moitos anos antes, incluso se estudaba a ESO ó completo. Na carta enviada dende a Xunta ó noso colexo e que este remitiu ós alumnos dos cursos afectados dicía que o acto de escolarizar ós rapaces da ESO nos centros de Educación Primaria fora unha medida transitoria e que o curso que ven, esta situación non se podería dar en ningún centro de Galiza, o que ao meu modo de ver demostra unha total falta de interese pola educación dos nosos escolares, xa que por moito carácter transitorio que tivera a anterior medida, a ESO, en especial, o primeiro ciclo, lévase cursando aquí dende sempre, sen que as autoridades mostraran ningún tipo de interese por cambiar unha situación calificada por eles mesmos como transitoria.
Volvendo agora ó titular, decanteime por ese por ser impactante e porque sen os tres cursos máis numerosos( 6º,1º e 2º ) que son precisamente os afectados, o colexo quedaríase nuns 70-80 rapaces ,segundo as miñas estimacións, o que representa un pouco máis da metade do que ten agora, quedando condeado ó seu peche nuns anos por falta de alumnado e un pobo sen escola non é pobo, desgraciadamente Agolada está condeada ó abandono. Como imos intentar ou sequera creer na recuperación dun lugar no que os seus rapaces e adolescentes se teñen que desprazar por unha estrada, con varios "puntos negros", todos os días? É imposible.

O peor desto e o que máis me jode (vou ser directo) é que nin dende o Concello (PP), nin dende a ANPA, nin dende a dirección do centro escolar se fai nada por cambiar esto, ou polo menos armar algo de barullo, senon que parece que lles dá igual, polo de agora nin houbo queixas, nin medidas, nin nada, de feito, ata o día de hoxe (aínda non lin o xornal) nin sequera se publicou en "La voz de Galicia" nada referido a este tema, o que demostra o escaso interese e compromiso do Concello cos seus cidadáns e cidadás, especialmente cos máis novos.

martes, 15 de abril de 2008

A Xuntanza progresa

Noutras entradas, xa vos falei deste tema, é dicir da Xuntanza de blogueiros. Pasou xa tempo dende a outra vez, e dende entón, xa avanzou moito. Decidíuse a data e concretáronse parte do programa así como o restaurante e as posibles actuacións.
O pasado domingo celebramos unha reunión á que asistimos os que en principio imos ser os organizadores do evento, é dicir os blogueiros da zona. Proximamente publicarei algunha foto. Nesta reunión decidiuse que a Xuntanza se celebrará o vindeiro 31 de maio en Agolada. Como adianto do programa só podo dicirvos que o acto comezará ás once e media da mañá, que contaremos con actuacións musicais variadas e que se rematará cunha ruta de sendeirismo por un lugar aínda por decidir.
En adiante farase público o programa enteiro pero polo de agora só podo ofrecervos isto, agardo que vos cadre ben a data.
Para leer máis sobre este tema visitade: www.blog-xuntanza.blogspot.com

sábado, 12 de abril de 2008

Falando de toxos

Se hai unha planta que teña relación con Galiza, sen dúbida, é o toxo ( con permiso do carballo ), este arbusto espiñento está presente ó longo de toda a nosa xeografía e é case un símbolo da nosa comunidade, a "flor nacional" de Galiza e da Bretaña Francesa segundo se pode ler en Galipedia. Pero bromas aparte, o toxo é unha planta moi bonita e debido a que existen moitas variedades, podemos atopar toxos en flor durante case todo o ano.
Aquí, en Agolada, temos toxos por case todas partes, o cal non é un feito nada positivo dende varios puntos de vista posto que dá idea do estado de abandono dos nosos montes e dos numeros incendios dos que somos víctimas posto que o toxo ten tendencia a nacer en zonas que sofreron incendios. Pero quitando o lado negativo, o certo é que os toxos representan unha fonte de riqueza para esta zona xa que son utilizados para a alimentación das vacas, os exemplares máis pequenos polo menos, para a creación de abonos por parte dos labregos.... e incluso nun futuro se poderían utilizar para producir enerxía eléctrica nas plantas de biomasa, polo que os toxos serían un recurso a ter en conta que axudaría á recuperación económica d´Agolada e de moitos concellos que se atopan en situacións semellantes.
Aquí vos deixo unhas fotos duns toxos que quitei onte no campo da feira.

jueves, 10 de abril de 2008

Vídeo dos pendellos

Botando unha ollada na rede atopei este vídeo dos Pendellos, non é especialmente bo pero serve para facerse unha idea do que é este marabilloso recinto, ademais de que o video conta cunha música moi agradable e bonita. Proximamente falareivos outra vez sobre os Pendellos dende un punto de vista histórico que xa case teño preparada a entrada. Espero que algún día visitedes este fermoso recinto, merecerá a pena. A última nova deste é que a Deputación Provincial de Pontevedra acaba de comprar outra tandada de Pendellos.


martes, 8 de abril de 2008

Outra de galescolas

Outra vez volvo falar sobre a galescola que se pretende instalar en Agolada, se o fago é porque creo que é un avance moi importante para este pobo que se habiliten lugares onde os nenos poídan educarse antes de ir á escola, ademais de ser un elemento básico para que os pais e as nais poidan conciliar a vida laboral coa vida familiar sen ter que gastar cartos ou recorrer a familiares, xeralmente os avós, para que se encarguen dos seus fillos.
Hai uns días, publicouse en "La Voz de Galicia", que o concello solicitara a instalación dunha galescola, podendo ser aprobeitado para tal fin un comedor do colexo público que permanece en desuso. Pois ben, nin unha semana máis tarde, no mesmo rotativo saíu publicada outra noticia dicindo que o comedor do colexo quedara descartado, non especifica por que e eu non quero especular, así que vouno deixar quedar así. Na contra, no xornal leíase que se podería utilizar para tal fin unha das antigas vivendas de profesores que na actualidade permanece en desuso, ou mesmo, no caso de que isto non fose viable barállase tamén a opción de construír un novo edificio.
Penso que é unha soverbia estupidez discutir por un espazo para albergar a galescola nun lugar como Agolada, no que se algo sobra é iso, espazo libre, e máis tendo en conta que é un servicio imprescindible nos tempos que corren e máis aínda coñecendo a situación demográfica na que se encontra esta vila.
Se queredes ler máis sobre a presunta futura galescola d´Agolada, visitade os posts anteriores, hai un adicado case en exclusiva a este tema.

viernes, 4 de abril de 2008

d´Agolada únese á movida

Supoño que se tedes un blog ou vos gusta movervos por este fascinante mundo dos blogueiros estaredes informados da quedada ou xuntanza de blogueiros que se vai celebrar proximamente.
Esta iniciativa xurdiu por parte de Veca e da Markesa de Mertetuil, blogues que vos recomendo a todos. Elas pensaban en organizar unha cea onde se reunisen un grupiño de amantes dos blogs, pero cando un par de blogueiros de aquí, do meu pobo, se enteraron da iniciativa ofreceron o seu apoio tanto en temas de organización como de infraestructuras ,xa que se algo destaca na nosa vila é niso, en espazo para celebrar actos deste tipo, e a iniciativa prosperou ata o punto de que Agolada é o lugar escollido para a celebración deste acto debido á sua privilexiada situación xeógrafica e ó elevado número de blogs que teñen como orixe estas terras.
Aínda non se coñece a fecha da xuntanza, que depende da dipoñibilidade do grupo musical ´´Fuxan os Ventos´´ e do propio restaurante no que se xante o día da quedada e que tamén permanece sen ser escollido.
Como podedes ver, o tema da organización da quedada está "algo verde" pero xa temos en marcha un blogue no que podedes expresar as vosas opinións sobre que vos parece este evento, anotarvos para participar nel ou simplemente escribir sobre o que vos apeteza. Se queredes anotarvos a este evento ou pedir a autorización para escribir no mencionado blogue do que vos deixo abaixo o enlace escribide un comentario pedíndomo ou remitídevos á dirección de correo electrónico que vos deixo a continuación: dautrera49@gmail.com
A dirección do blogue da xuntanza é :