viernes, 29 de febrero de 2008

De exames

Hai momentos na vida de todo estudiante nos que francamente nos gustaría que nos tragase a terra ou que aparecese un círculo vermello para tirarnos e desaparecer como ocurre no anuncio de Cuatro. Eses momentos, máis de tres veces ó ano, que todos sufrimos, todos sufrirán e todos sufriron, son os dos exames. Os exames, esas probas que constan dun número esaxerado de preguntas, ou escaso, depende de como saibas o tema, e nos que ano tras ano nos xogamos o noso futuro, o noso carnet de conducir, a nosa praza de traballo...

Esta sociedade na que vivimos precisa dos exames para distribuir ás persoas e os seus dereitos. En fin, supoño que os exames son necesarios, polo menos ata que atopen un método mellor para avaliarnos, pero hai algo que ninguén me vai discutir, os exames son un asco (se non poño nada peor é por se hai nenos lendo).

Eu estes días, estiven e estou de exames polo que non podo escribir tanto como me gustaría, aínda que eso non é o que máis me amola, o que máis me fastidia e non dispoñer de tempo para visitar os vosos cadernos e deixarvos comentarios coma vós estades facendo conmigo, polo tanto pídovos disculpas e prométovos que reanudarei esa actividade en canto chegue Semana Santa.

Grazas por visitarme.

jueves, 28 de febrero de 2008

A mámoa dos muíños

Moi preto do río Ferreiroa e a escasos 500 metros da aldea de Bidueiros, atópase a mámoa dos muíños, tal vez a mostra máis salientable de arte prehistórico do concello d´Agolada. Hai xa uns 6 ou 7 anos, calquera o lembra, que a descubriu o noso amigo Pepe, e eu tiven a fortuna de ser uns dos primeiros en vela. Aínda lembro a 1ª vez que a vin, tivemos que atravesar unha morea de toxos e silvas que bloqueaban a entrada ata chegar a vela. Co tempo, a asociación Amigos dos Pendellos deuna a coñecer, troixéronse arqueólogos que a catalogaron e examinaron e na actualidade conta cuns accesos mellorables pero aceptables. A gran lástima foi o lume que a asolou o ano pasado e que estragou a paisaxe que a rodeaba.

Déixovos unhas fotografías da mámoa pouco despois de ser descuberta e da mámoa na actualidade tras ser sometida a unha acción protectora? por parte de ``Patrimonio´´.

sábado, 23 de febrero de 2008

A Ponte dos Cabalos

Construída en época medieval, no ano 970, no concello d´Agolada temos esta preciosa ponte coñecida como a Ponte dos Cabalos. Por ela pasaban hai moitos anos os feirantes cos seus carros tirados por bois que ían á feira do doce, e durante moitos anos foi unha das principais vías de comunicación deste concello. Son innumerables as lendas e anécdotas que arrodean esta ponte relacionadas con todo tipo de temas, especialmente as dos bandidos que asaltaban a estos comerciantes. Hai uns meses un animal, por chamalo dalgunha maneira, cruzou co seu tractor por riba da ponte e causoulle graves danos, pero aínda así está en bastante bo estado. Déixovos unhas imaxes dela para que a coñezades.

viernes, 22 de febrero de 2008

Agolada e os políticos

Oxe ás doce da noite comezou oficialmente a campaña electoral dirixida ás eleccións do nove de marzo. A presenza tan próxima destas eleccións fai que os políticos nos restreguen a todas horas os valances. Os que están no poder din que todo mellorou e os que están na oposición din todo o contrario, pero realmente algúns deles din a verdade?, eu xa non me vou meter niso pero vou realizar un pequeno valance sobre o que pasou en Agolada nos últimos 4, ou tal vez debería dicir 20 anos, e o resultado é nada, dá igual quen goberne, os nosos políticos téñenos esquecidos. O auditorio segue sen rematarse, os pendellos seguen deteriorándose, as nosas estradas seguen feitas un asco, seguimos perdendo poboación sen que ningúen faga nada por evitalo, o feismo contamina as nosas terras... Non sei que pasará nestas eleccións pero gañe quen gañe non creo que vaia pasar nada nesta vila, todo o contrario seguiremos indo a menos como leva pasando ultimamente.

A imaxe é unha mostra do que está a pasar en Agolada.

sábado, 16 de febrero de 2008

Os Pendellos I.



Precisaría maís dunha vida e todo o caderno para contarvos todo o relacionado cos Pendellos e aínda así non sería nada comparado co que se merecen, pero bueno, vouvos contar algo sobre eles e deixarvos unhas fotos para que aínda que sexa a través da rede os coñezades.
A vila d´Agolada garda dende o século XVIII un interesantísimo conxunto arquitectónico que durante máis de 200 anos acolleu unha das máis concorridas feiras da Galiza interior. Este interesante recinto recibe o nome dos Pendellos d´Agolada. Co paso do tempo especialmente na década dos 70 o estado deste recinto foise deteriorando especialmente en 1977 cando se derrubaron 12 pendellos para construír unha rúa de cemento e con alcantarillado ( a rúa profanada foi a da Parranda). A desfeita continuou un ano despois cá construcción da praza do concello.
Nos anos 90 o Concello e a Xunta promoveron un campamento de traballo para mozos que restauraron o recinto e o deixaron presentable ata que anos despois, xa na actualidade, os Pendellos volven a presentar un estado ruinoso e deplorable.
Como xa dixen, precisaría todo o caderno para falar dos Pendellos, así que vouno deixar por oxe, noutro momento continuarei contándovos máis cousas sobre este tema, sinto moito tervos aburrido coa historia deste recinto. Na próxima entrada que lle adique a este tema prometo ser máis ameno.

miércoles, 13 de febrero de 2008

Rematou o Inverno?

Estes días de febreiro, un só tema monopoliza as nosas conversas, o tempo, ou mellor dito o bo tempo. Estamos en pleno inverno, nun dos meses máis fríos, en tempada de choivas e neves e sen embargo aquí en Agolada case non vimos chover, como anécdota contareivos que o pasado domingo no telexornal de Antena3 puxeron unha reportaxe sobre a seca na que aparecía o encoro de Portodemouros ( unha parte pertence ó noso concello ) medio baleiro, e que hoxe na previsión do tempo podíase ver que chovía ou estaba nubrado en toda España menos na nosa comunidade, de neve nin oimos falar e en canto ó frio xa andamos máis preto da camiseta curta que da chaqueta. Será cousa dun ano excepcionalmente cálido? ou do cambio climático? Dende logo como sigamos así moito máis, en vez do ``país dos mil ríos´´ imos acabar converténdonos noutra Andalucía ou nalgo peor.

sábado, 9 de febrero de 2008

Abandono



Abandono, iso é o que cada día invade e invade as rúas d´Agolada, abandono e despoboamento. Cada día que pasa, os nosos edificios, as nosas rúas, os nosos fogares están en peor estado e amosando unha situación máis que deprimente sen que ninguén faga nada por evitalo. As casas quedan baleiras e murchas mentres que a xente vai morrendo ou marchando ás cidades. Pero eso si, atopar unha vivenda en aluguer non é sinxelo, destas casas baleiras moi poucas están en venda, nas grandes cidades non paran de construírse pisos a prezos astronómicos... e o peor: ¡Os nosos ``gobernantes´´ non fan nada por evitalo! A continuación déixovos unhas imaxes d´Agolada para que xulguedes por vós mesmos.

domingo, 3 de febrero de 2008

O entroido

Outro ano máis chegou o Entroido, ese tempo no que nada é o que parece, no que nos vestimos do que non somos, do que nos fai gracia ou do que nos gustaría ser, ese tempo no que podemos dicir e facer cousas que noutras datas non poderíamos dicir nin facer, ese tempo no que comemos cocido, filloas, orellas, e outras exquisiteces semellantes, ese tempo no que...


Este ano en Agolada, o Entroido celebrouse con dous desfiles polas rúas do pobo, un promovido pola escola e outro polo concello. En ambos a xente, sen dúbida, o mellor da vila engalanada con traxes moi vistosos puxo a animación e o ambiente a esta festa facendo que todos disfrutásemos coma se fósemos rapaces.